Friday 10 de May de 2024

O Concello da Coruña obtén o apoio estatal para a creación dun centro de capacitación dixital


A axuda concedida enmárcase no plan do Goberno de España para a creación dunha rede estatal de centros en entidades locais

O Concello da Coruña vén de obter unha subvención para a creación dun centro de capacitación dixital municipal. A liña de axudas, convocada o pasado 24 de abril polo Ministerio de Educación e Formación Profesional, ten como obxectivo a creación dunha rede estatal de Centros de Capacitación dixital en entidades locais.

No marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia, financiado pola Unión Europea a través dos fondos Next Generation, convocáronse un total de 510 axudas para entidades locais de toda España. O Concello da Coruña foi unha das oito entidades galegas á que lle foi concedida esta axuda, sendo a única cidade xunto con Vigo en obter os fondos para a creación do centro. O Goberno de Inés Rey mantén así o seu obxectivo como cidade líder na captación de recursos europeos para o desenvolvemento da cidade da Coruña tanto en investimentos como en novos servizos.

Coa concesión desta axuda, A Coruña pasa a formar parte da rede estatal de Centros de Capacitación Dixital que teñen como meta facilitar o acceso á formación dixital da cidadanía, especialmente dos colectivos con risco de exclusión dixital.
A través deste Centro de Capacitación Dixital, o Concello ofertará formación en competencias dixitais transversais como transaccións e comunicacións seguras en liña ou uso de dispositivos electrónicos, así como outras formacións máis avanzadas en materia TIC. Así, o Concello reforzará a súa oferta de formación en novas tecnoloxías da comunicación e da información, logo do éxito nas catro edicións anteriores dos cursos en Big Data e a formación en Ciberseguridade, comezará a impartirse o vindeiro 11 de setembro no Centro Municipal de Emprego dos Rosais.